NOTA DE PRENSA ENVIADA POR EL BNG DE OLEIROS.

Rosana Pérez, deputada do BNG no Parlamento Español, acompañada de Manuel Sarmiento, candidato do BNG de Oleiros, visitou diferentes zonas do tramo oleirense da N-VIcon graves carencias estructurales.

Oleiros, 13 de febreiro de 2015.- A deputada do BNG no Parlamento do Estado, Rosana Pérez, que en 2013 xa presentara iniciativas no Congreso dos Deputados demandando solucións ante os constantes retrasos nas obras interminábeis que padeceu esta vía nos últimos anos ao seu paso polas parroquias de Nós e Iñás, voltou á zona para comprobar que, malia a nova infraestrutura, a N-VI ao seu paso polo concello de Oleiros segue a presentar puntos conflitivos para o tránsito e para a mobilidade a pé que as obras non foron quen de resolver.

Un dos puntos visitados pola deputada nacionalista foi a coñecida como curva de Saprogal ou Biona, en Nós, onde nos últimos meses se seguiron producindo saídas de vía e mesmo impactos contra vivendas da Avenida das Mariñas. O BNG considera este nivel de sinistralidade “impropio dunha estrada de titularidade estatal” e agarda que a solución anunciada hai tan só uns días por Fomento de substituír os actuais pivotes plásticos por un muro que aumente uns metros a mediana teña resultado. Porén, o Bloque considera tamén necesario que se revise se o emprazamento da actual sinalización para a súa correcta visibilidade é o adecuado.

Nunha iniciativa xa rexistrada no Congreso o pasado 5 de febreiro, Rosana Pérez recorda que os Orzamentos do Estado para 2015 consignan a cantidade de 165.000 € para o proxecto de reordenación do tránsito da N-VI na zona do Carballo e solicita ao Ministerio que aclare se dita actuación vai comezar, efectivamente, este ano e cales serán os prazos de execución.

Outra das preocupantes realidades que a deputada do BNG no Parlamento do Estado puido comprobar no seu percorrido polo tramo oleirense da N-VI foi a falta de conectividade peonil entre ambas marxes da vía: o novo trazado deixou vivendas illadas e o certo é que non tivo en conta as relacións humanas entre os habitantes da zona como factor de mobilidade. Nalgúns puntos, como no Batán, a xente continúa cruzando polo medio da estrada, habendo nenos e maiores que mesmo saltan a mediana de cemento. Unha situación que tamén se segue a producir no Mesón da Auga, especialmente se se quere ir coller o autobús con destino á Coruña do outro lado da vía.

Outro punto da N-VI onde urxe mellorar a seguridade viaria é o que discorre na parroquia de Perillo, entre O Seixo e Beiramar, na coñecida como zona dos concesionarios. A apertura nos últimos anos de establecementos de comida rápida ou supermercados na zona aumentou o número de desprazamentos a pé, especialmente de xente nova. Para cruzar dun lado a outro da vía non existen neste punto pasos habilitados e a inseguridade para transitar polos arcéns é evidente.

Varios dos tramos da N-VI ao seu paso por Oleiros son, na práctica, de travesía urbana. O BNG considera que Fomento debe acometer as medidas necesarias para, coa menor molestia posíbel, aumentar a seguridade de vehículos e peóns, facilitando solucións de mobilidade compartida que fagan dos núcleos de poboación zonas máis habitábeis.

NOTA DE PRENSA ENVIADA POR EL BNG DE OLEIROS.

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here