Comunicado integro Comisión de Fiestas de Santa Cruz

COMUNICADO DA COMISIÓN DE FESTAS DE SANTA CRUZ  ANTE OS GRAVES PROBLEMAS DE SEGURIDADE E  COOPERACIÓN MUNICIPAL SUFRIDOS DURANTE A  CELEBRACIÓN DAS FESTAS DE AGOSTO DO 2023. 

27 de agosto do 2023, 

Estimados veciños e veciñas de Santa Cruz; 

Ante os titulares, declaracións e versións incorrectas do acontecido nas festas de Santa  Cruz, vémonos obrigados a redactar este comunicado para evitar que a nosa reputación se  vexa manchada. Cremos ademais que a veciñanza do noso pobo, que leva toda a semana  demostrándonos o seu apoio incondicional, ten dereito a coñecer toda a verdade. 

Comezamos este comunicado lamentando profundamente os feitos acontecidos nas  noites do venres e martes no noso pobo. Durante estes días dúas pandillas, alleas ao noso concello, citáronse para pelexar durante a celebración das nosas festas. Isto tivo graves  consecuencias e varias persoas do noso pobo resultaron feridas, ademais de sufrir roubos  e insultos. 

A nosa primeira mensaxe é de ánimo e apoio ás familias afectadas e a todas aquelas  persoas que tiveron que vivir momentos moi tensos ao verse rodeadas destes individuos,  equipados con armas brancas (bates de béisbol, botellas e navallas), mentres desfrutaban  dunha noite cos seus seres queridos. 

O sentimento que nos invade nestes días é de tristeza e rabia porque todo o acontecido  puido ser evitado cunha correcta atención ao noso evento por parte das autoridades  municipais. Este ano non foi diferente a outros en afluencia ou repercusión, pero o trato  que se lle deu foi moi distinto. 

A comisión de festas 

Todos os membrxs do equipo da Comisión de Festas de Santa Cruz traballan como  voluntarixs durante todo o mes de agosto, sen recibir ningunha remuneración económica.  Somos un grupo de amigxs que durante o verán renunciamos ás nosas vacacións para  traballar unidxs polo noso pobo. Algúns colaboradorxs que viven lonxe de Santa Cruz  durante o inverno pagan incluso pola súa conta longas viaxes para estar con nós e traballar  por e para Santa Cruz. 

Todas as actividades que forman parte do cartel das Festas de Santa Cruz, dende os fogos  de artificio aos concertos e pasando polos arcos de iluminación das estradas, carpas,  escenarios ou os pertinentes seguros de responsabilidade civil son custeadas  integramente pola Comisión de Festas de Santa Cruz. Esta comisión de festas non recibe  subvencións económicas de ningunha institución gobernamental municipal, autonómica  ou doutro tipo. 

Nestas festas do ano 2023 non acudiron as orquestras que o Sr. Alcalde considera,  segundo o seu propio xuízo, conflitivas. Ideouse un programa para tódolos públicos e  gustos que foi presentado ao Sr. Alcalde o día 17 de xullo.

Colaboración do Concello de Oleiros 

A colaboración do Concello de Oleiros en ningún caso é económica, trátase dun préstamo  de material e medios. O material componse de 40 taboleiros cos seus cabaletes, 40 vallas  baixas, 4 baños portátiles, varias tarimas de madeira e un vertedoiro, así como o  subministro de auga. O resto do material disposto na praza é alugado pola comisión de  festas, como son as vallas altas de seguridade, casetas de obra, vallas antipánico para  concertos, carpas e diverso material que fomos adquirindo con todo o noso esforzo  durante estes anos como parrillas ou material de cociña e limpeza. O consumo eléctrico é  tamén asumido pola comisión de festas. 

Este ano 2023 solicitamos 15 baños portátiles e rogámoslle ao Sr. Alcalde nunha reunión o  día 17 de xullo que se nos comunicase coa maior antelación posible cantos baños poderían  conseguirnos para ter marxe a alugar pola nosa conta os demais baños necesarios. Tres  días antes do inicio da festa comunicóusenos que só contaríamos, un ano máis, con 4  baños portátiles e sen marxe de tempo para adquirir algúns máis pola nosa conta. 

En canto a medios, solicítase o apoio da Policía Local e Protección Civil nas dúas  procesións e durante o espectáculo pirotécnico. Por outro lado, a través do Consorcio das  Mariñas, obtemos 30 contedores de lixo, un contedor de papel e dous iglús de vidro.  Ademais, o Concello de Oleiros responsabilízase das tarefas de limpeza da praza nas  mañás posteriores a cada día do evento. 

Supervisión municipal e puntos críticos 

É habitual que nas semanas previas á celebración das festas algún responsable municipal  visite o pobo para identificar problemáticas de cara á seguridade da festa como rotura de  baldosas, situación de cadros eléctricos e mantemento xeral da zona. 

Este ano 2023 só se recibiu á responsable de residuos coa que se tomaron decisións de  mutuo acordo para facilitar os traballos dos equipos de limpeza e de separación de  residuos. Sen embargo, non houbo reparacións de ningún tipo. A última hora, na reunión  mantida co Sr. Alcalde o luns 14 de agosto identificouse o lugar con más risco, na zona da  ponte sobre o río, fronte ao hotel Noa. Sería o mércores 16 de agosto cando os albaneis  municipais realizaron unha reparación de urxencia nesa zona. 

Ningún responsable municipal revisou, nin auditou, nin condicionou os traballos levados a  cabo pola empresa de instalacións eléctricas contratada pola comisión de festas. Este ano  os servizos de emerxencia non tiñan coñecemento da situación, estado ou accesos dos  cadros eléctricos en caso de emerxencia. 

A supervisión municipal, de terse levado a cabo, tería evitado que un cadro eléctrico fose  colocado no Monumento de Federico García Lorca, que, aínda que non sufría nin sufriu  ningún dano por este motivo, a súa instalación nese lugar non foi adecuada e pedimos  desculpas polo suceso. Pese a todo, resúltanos curioso que ningunha autoridade  municipal decatarase disto ata a mañá do martes 22 de agosto. Unha vez detectada esta  anomalía por parte do Sr. Alcalde, este dirixiuse a viva voz a un membro da directiva da Comisión de Festas de Santa Cruz que descargaba material para a barra na Praza Esther  Pita, proferíndolle berros e improperios ante a mirada de decenas de veciños.

Sobre o porto de Santa Cruz: Tense coñecemento do seu mal estado e de que está  prohibido o acceso con vehículos. A entidade responsable, Portos de Galicia, cortou o  acceso para impedir o paso de persoas e vehículos. Na reunión do luns 14 de agosto  infórmase ao Sr. Alcalde de que o Plan de Seguridade redactado pola comisión de festas  para o espectáculo pirotécnico restrinxe esa zona para a visualización para eliminar o risco  de derrubamento pola carga do público enriba do mesmo. 

Venres 18 de agosto 

Neste día prodúcense os primeiros altercados. A celebración do Xacobebo tivo lugar  durante a mañá e a tarde do venres cunha participación similar á edición anterior. A  xornada transcorreu sen incidencias ata que ao redor das 12 da noite, un grupo de  individuos que nada tiñan que ver cos participantes do Xacobebo entra correndo na Praza  do Castelo dende a Rúa do Repicho e agrede brutalmente a varios individuos con armas  brancas. 5 membros da Comisión de Festas de Santa Cruz desprázanse a zona coincidindo  coa chegada dos efectivos da Policía Local aos que se ofrece axuda mentres tentan  identificar aos agresores. Na Praza do Castelo non se identifica público participante no  Xacobebo, que se atopaba na Praza Esther Pita desfrutando do fin de festa e cun  comportamento exemplar. 

O primeiro día das festas é un dos de maior afluencia. Nas edicións anteriores adoitan estar  presentes entre 10 e 15 Policías Locais. Este ano o dispositivo era de 5 gardas. 

Domingo 20 de agosto 

O domingo, o Ramo sube en procesión dende a casa da familia que o obtivo o ano anterior  ata a igrexa de Liáns e, despois de misa, diríxese en procesión cara a casa da familia que o  terá no ano en curso. Dado o longo traxecto e o estreito da estrada, nas edicións anteriores  sempre se contou co apoio da Policía Local ou de Protección Civil, pero este ano esta  colaboración non existiu e a comisión de festas tivo que asumir a seguridade deste evento. 

Con máis de 300 participantes, a dificultade de superar unha curva pechada e sen  visibilidade chegando a igrexa de Liáns e varios tramos nos que e necesario invadir a  estrada; un membro da comisión de festas equipado cun chaleco reflectante e correndo  de cruce en cruce foi o único medio de seguridade durante os case 2 km ata a igrexa de  Liáns. A colaboración de seguridade foi solicitada ao Concello de Oleiros mediante rexistro  electrónico o día 29 de xullo coas seguintes indicacións: 

“Día do Ramo: A procesión sae da Igrexa Nova de Santa Cruz (Rúa Daniel Castelao) ás 12:30  do día 20 de agosto con dirección Igrexa de Lians. A misa terá lugar ás 13:15 calculándose  a saída en procesión ás 14:30 con dirección Rúa dos Caraveis” 

Martes 22 de agosto 

Tal e como vimos explicando non existiu supervisión municipal nos días previos ao evento e o Concello de Oleiros tiña pleno descoñecemento sobre toda instalación eléctrica  instalada que non fose o boletín eléctrico e os trámites legais obrigatorios que levou a cabo  a comisión de festas dos que ademais asume o custo.

12:30 horas: Aténdese unha chamada do Sr. Alcalde que, de forma maleducada e  vociferando, ordena a retirada inmediata dun cadro eléctrico situado na parte traseira do  momumento de Federico García Lorca. Transmítese a orde á empresa de instalacións  eléctricas e infórmase ao Sr. Alcalde a través da súa secretaria. Esta empresa está facendo  traballos noutro municipio e informa que chegará pola tarde para realizar o cambio. 

18:00 horas: O Sr. Alcalde aparece na Praza Esther Pita e, de novo, de forma maleducada e  vociferando, ordena a un membro da directiva da Comisión de Festas de Santa Cruz que se  atopaba traballando retirar o cadro chegando a ameazar con que o fará el mesmo se non  se realiza o cambio inmediatamente. 20 minutos despois un operario municipal procede á  retirada e entrega á comisión o cadro. 5 minutos máis tarde vólvese a instalar detrás de un  dos postos de venta ambulante. Todo isto coincide coa chegada da empresa de  instalacións eléctricas ao lugar. 

Pola noite, tal e como explicábamos tamén sobre o venres da festa, en edicións anteriores  adoitan estar presentes entre 10 e 15 Policías Locais. Este ano o dispositivo foi de 5 gardas.  Ademais, contábase con dous membros de Emerxencias Oleiros e tamén con voluntarios  de Protección Civil. 

00:00 Pelexa na Praza Esther Pita: Prodúcese un altercado con bates e botellas ao oeste  da carpa, na zona das gradas, onde había familias completas con nenos e nenas e persoas  de idade avanzada. Membros da comisión de festas axudados por veciños paran a agresión  e perseguen aos autores da agresión ata levalos fóra da Praza. A Policía Local non se  presenta no interior da Praza Esther Pita, ao igual que nos outros 4 días. Outros membros  da Comisión acoden a buscar ao dispositivo da Policía Local na zona azul do Parque Luis  Seoane, pero non os localiza. Varios grupos de veciñxs achéganse á barra da Praza Esther  Pita para comentar que non conseguen contactar coa Policía Local. 

00:10 Chamada á Policía Local de 33 segundos: Non se localiza ao cabo responsable nin  aos gardas, o único garda localizable nese momento estaba na Praza do Castelo onde o  público xa tiña invadido o espazo acoutado e a praia e atopábase nun estado de  nerviosismo evidente. Chámase telefonicamente á Policía Local para localizar ao cabo e  poder ter unha conversa con mesmo para avaliar a situación. 

00.30 Horario previsto para lanzamento: Non se procede ao lanzamento por dous  motivos: 

  1. Invasión de zonas de seguridade: A praia, a zona do porto con risco de derrubes e  o espazo destinado para vehículos de emerxencia atopábanse cheos de persoas. 
  2. Falta de medios: Non se localiza á Policía Local que é moi necesaria no caso de  haber algún accidente ou incidente no lanzamento. Ademais, os vehículos de  emerxencias estaban rodeados de persoas e non podían mobilizarse con axilidade  no caso de producirse algún incendio. 

Toda esta colaboración, habitual nas demais edicións, non se produciu este ano pese a ser  solicitada por rexistro electrónico o día 29 de xullo. 

00:30 Chamada á Policía Local de 21 segundos: Inténtase de novo localizar ao dispositivo  policial.

Procédese a despexar a praia e a rampla de acceso da Praza do Castelo de público por  parte dos colaboradores da comisión de festas. Un cometido que non deberíamos levar a  cabo porque poñemos en risco a nosa propia seguridade e non todas as persoas podían  entender esta petición. Ademais de non ter nós, dende a comisión de festas, ningunha  autoridade para dar este tipo de ordes. 

00:41 Chamada a Emerxencias Oleiros de 60 segundos: Verifícase que a zona de  seguridade marítima (había unha embarcación de emerxencias no mar) está libre doutras  embarcacións. 

00:50 Lanzamento: Procédese ao lanzamento pese a que a zona de vehículos estaba  invadida, a rampla do porto tamén e non había contacto co responsable da Policía Local.  Consideramos esta decisión moi acertada porque foi a forma de dispersar ás persoas da  forma máis rápida, facilitando a tarefa na que estaban inmersos os gardas: localizar ás  persoas que participaron no altercado. 

01:05 Finalización do espectáculo pirotécnico: A continuación, ten lugar unha primeira  reunión da Directiva da Comisión de Festas para a toma de decisións. A praza estaba  totalmente chea de público e non tiñamos a seguridade de que as pandillas foran  desaloxadas. O risco dunha nova pelexa na praza, coas familias aínda presentes e con  posibilidade de feridos fainos tomar a decisión de finalizar o evento. 

01:30 Decisión de finalizar a verbena por no cumprirse as condicións de seguridade  necesarias: A continuación, establécese un protocolo a seguir en canto se realice o  anuncio de finalización do evento para protexer ás persoas colaboradoras do público que  podía non entender a solución. Cos máis de 60 colaboradores, realízase unha cadea  humana para baleirar toda a barra, apagar todas as luces e desconectar o son.  

01:58 Chamada á Policía Local de 17 segundos: Comunícaselles a finalización da  verbena por considerar que non se estaban mantendo as condicións de seguridade. 

02:00 Dende o escenario da orquestra comunícase a decisión: A colaboración do  público foi total e absoluta. 

Conclusións 

  • Queremos enviar todo o noso apoio ás familias afectadas polas agresións que  tiveron lugar nas festas de Santa Cruz. Emprazamos a todas as familias afectadas  a contactar con nós para tomar as decisións que consideren oportunas. 
  • Consideramos que se puxo en perigo a seguridade das persoas asistentes ao  evento e de toda a veciñanza de Santa Cruz por decisións que entendemos  neglixentes por parte do goberno municipal polo que poñemos estes feitos en  coñecemento da cidadanía e das institucións pertinentes. 
  • Cremos que os membros da Policía Local estaban totalmente desbordados por  contar cun número ridículo de efectivos. Estamos moi agradecidos coa súa labor e  consideramos que foron unhas vítimas máis dunha xestión neglixente por parte das  autoridades municipais.
  • Esiximos as desculpas pertinentes por parte da corporación municipal do Concello  de Oleiros ante todos os erros, desatención e falta de medios. Pedimos tamén as  desculpas pertinentes do Sr. Alcalde polas continuas faltas de ríspeto, mentiras e  titulares nesgados que so danan a un grupo de amigos que traballa  desinteresadamente polo seu pobo. 
  • Queremos enviar o noso agradecemento aos miles de persoas que durante estes días nos mostraron o seu apoio persoalmente ou a través das redes sociais. Sen  vós, as festas non serían posibles. Grazas a todos. 
  • Por último, queremos anunciar que se o Concello de Oleiros non mellora  substancialmente as condicións de seguridade e cooperación de cara ao vindeiro  verán, a Comisión de Festas de Santa Cruz non poderá seguir coa organización  deste evento. Estamos dispostos a traballar 18 horas ao día, a renunciar ás  vacacións e as horas de sono, pero non debemos nin podemos encargarnos da  seguridade deste xeito.
- Publicidad -Diseño web Coruña

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here